‘Na procura do medo esquecido’ é a súa primeira obra. Publicada en marzo do 2021 pola Editorial Galaxia supón un antes e un despois na traxectoria profesional de juáncho. Estamos ante un libro que contén ilustración, viñetas e textos a partes iguais. E todo acompañado dunha maquetación moi pensada e coidada. O concepto parte de toda esa riqueza fantástica e mitolóxica que contempla o imaxinario galego de lendas, contos de medo, historia e historias de vellas, disques, sospeitas, aparicións… ‘Lola busca su color’ é a segunda obra ilustrada e maquetada por juáncho. Escrita por Andrés Hombre e publicada por Amazon. Conta a historia de Lola, unha nena alegre e curiosa que intenta entender a relación entre as cores e a felicidade. Coa axuda da súa nai irá entendendo como as cores son unha expresión do que somos por dentro e por iso cada cor de cada persoa é única. Ao relacionarnos, os seres humanos compartimos toda esa riqueza cromática. Unha historia sinxela, inocente e optimista, onde se misturan filosofía e sensibilidade.